Livro

O pasado 11 de novembro xuntámonos o club de lectura para falar de Livro de José Luís Peixoto, a obra portuguesa que nos permitiu achegarnos a un dos acontecementos sociais máis importantes de Portugal de mediados do século XX: a emigración a Francia dos anos sesenta.

Para algúns de nós era, ademáis, a primeira vez que liamos en portugués, mais iso non impediu apreciar a escrita de Peixoto, que nos transmitiu con moita emoción, lirismo e realismo -e humor tamén- a vida deste grupo de personaxes cos que coñecemos o fenómeno da emigración ilegal.

Moitos comentamos como, unha vez superada a dificultade inicial que supuxo coñecer contexto e familiarizarnos coa narrativa en portugués, puidemos gozar desa primeira parte do libro na que coñecemos a vida de Ilídio e Adelaide nunha aldea portuguesa, a súa historia de amor, e as razóns que cada un teñen para marchar ilegalmente a Francia.

A historia entre eles é o eixo principal da obra, mais hai moitas personaxes que se relacionan con eles e que retratan a vida do rural primeiro e do inmigrante despois: O Cosme, o amigo de Ilídio, co que vive a viaxe a Francia chea de duras experiencias para chegar a unha non menos dura vida de inmigrante. Josué, que pasa a exercer de pai de Ilídio cando é abandonado pola súa nai. E outras figuras máis ruíns como Constantino e a Dona Lubelia.

En Livro, unha obra autodenominda historia circular, mestúranse o libro de Ilídio, a propia historia, e o nome do fillo. Se cadra este foi o aspecto que nos resultou menos sinxela.  Mais o propio José Luís Peixoto explica nesta entrevista o porqué do título e como se relaciona cos acontecementos da historia.

Anímovos tamén a ler o seguinte artigo, que aínda que non está relacionado directamente coa obra, sí fala desa volta á casa, e desa transformación cando volvemos.

http://www.joseluispeixoto.net/67819.html

Este é un pequeno resumo dalgúns dos temas que tratamos. Hai moitos temas merecedores de engadir neste artigo e que foron comentados no club -esas cartas da emigración que chegarán ou non, o accidente e a figura da nai, a situación política do país, a viaxe e a relación cos españois, etc. Mais tamén vos animo a vós a comentar ou salientar o que vos pareceu máis interesante e que vos gustaría compartir cos demáis.

 

 

 

 

2 opinións sobre “Livro

  1. Obrigada, Anabel. Case tan bon coma ter o propio autor connosco. Aínda que algúns de nós pensamos que finalmente a importancia do livro e mesmo de Livro no relato non é tan grande como o autor quere ou cando menos a min non me chegou.

    Liked by 1 person

  2. Pingback: Atlantidae, mulher d’água | Club de lectura

Deixar un comentario