O día de Rosalía na EOI

O pasado 24 de febreiro celebramos na EOI da Coruña unha homenaxe á poeta Rosalía de Castro no día en que se celebraba 180 anos do seu nacemento.

Recitamos poemas traducidos da autora en varias linguas de estudo da escola de idiomas: en galego Airiños aires, en xaponés Adiós ríos, adiós fontes, galego-inglés Campanas de Bastabales, francés , portugués , árabe  e español Negra sombra.

Moitas grazas a todos o alumnado particpante polo esforzo que fixestes por recitar poesía nunha lingua estranxeira para vós, e a todos os compañeiros e profesores que colaborastes na traducción ou o traballo cos alumnos na aula: Celeste, Yolanda, Rosa Gloria, Paulo, Xoán, e Chikako.

20170309_102614-COLLAGE

Tamén proxectamos a curta de Daniel Suárez, Tornar. 

Tornar – Curtametraxe from Dan Rubini on Vimeo.

E rematamos o recital coa voz de Najla Shami cantando Negra Sombra.

#RosalíaTe

O 24 de febreiro conmemórase un ano máis o día de Rosalía de Castro. E nós, que non perdemos ocasión de sumarnos a calquera iniciativa que axude a dar valor ao noso, queremos lembrar a figura de Rosalía e axudar a difundir a súa obra e a relevancia que ten para a nosa cultura.

Na páxina da  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega podedes consultar todos os actos que se levarán a cabo co gallo do día de Rosalía. Ademais podedes ler o manifesto escrito por Ledicia Costas, que é a autora do libro que estamos a ler no club.

Lembrade tamén o noso acto na EOI da Coruña ás 11.30 no salón de actos: un recital de poesía da autora en galego e máis linguas de estudo na escola: inglés, xaponés, francés, árabe e portugués.

stories-1

O día de Rosalía

Featured

O vindeiro 24 de febreiro celebraremos na EOI unha homenaxe a Rosalía de Castro, unha das autoras galegas máis traducidas.

Será un recital moi especial no que escoitaremos poesía de Rosalía traducida nas linguas de estudo da EOI e acompañarémolo de música e unha curta de Daniel Suárez titulada Tornar baseada nun poema da autora.

Deste xeito celebraremos a universalidade da temática e obra de Rosalía de Castro.

Se queres participar de forma activa e ler ese día un poema de Rosalía  envía unha mensaxe a endl.corunha@gmail.com para poder telo preparado.

#DíadeRosalía    

stories-1

24 de outubro: Día da Biblioteca

Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día da Biblioteca para concienciar da importancia da lectura e recoñecer a labor importantísima de todos os que traballan nelas.

Porén, para o noso club de lectura hoxe tamén é un día moi especial. É na biblioteca da nosa escola onde temos as reunións e falamos dos libros que lemos. É o espazo que eliximos para poñer en común todas as vivencias e ideas que xurdiron da lectura.

Ledicia Costas, unha das autoras máis lidas nos clubs de lectura, escribiu un texto ben fermoso para esta ocasión, e gustaríame compartila con vós. Premede nesta ligazón: “Os libros, aloumiños fosforescentes que incendian os soños”

Feliz día da biblioteca!

Lembrando a Manuel María

O pasado 10 de maio tivemos unha xuntanza do club moi especial: a nosa homenaxe a Manuel María polo día das letras galegas.

O vestíbulo da escola converteuse nunha praza improvisada para acoller a nosa reunión cunha invitada de excepción: Saleta Goi, viúva do poeta. Saleta tivo a amabilidade de pasar a mañá con nós e compartir a súa simpatía e anécdotas. É unha muller forte e sincera e con ela non puidemos ter forma mellor de lembrar a Manuel María.

Ademais de Saleta, viñeron tamén Xosé Manuel e María con Félix, o noso amigo do club, que coñecen moi ben toda a documentación e a obra do poeta e que participaron moi activamente na creación do CD Uxía canta a Manuel María.

Non faltou a poesía. Escollemos para esta ocasión algúns poema do libro Antoloxía Poética. Manuel María. Podedes escoitar o audio do recital noutra entrada deste blogue.

Moitas grazas a todos os que asististes. Foi unha xornada que non esqueceremos.

Recital no mes das letras

Featured

Na nosa homenaxe ao poeta Manuel María lemos varios poemas seus.

Moitas grazas a todos os que vos animastes a ler! Gozade agora desta selección de 11 poemas recitados e que están inclídos na Antoloxía Poética Manuel María.

VERBAS A UN IRMAO – OUTONECENDO – A TERRA FAISE EN TI… – CLARIFÍCAME, AMIGA… – DE TERRA CHÁ – BANDO – TODO O QUE SE VIVIU – OS NENOS DOS CASINOS – O MAR – CÓMPRE AFOGAS AS BÁGOAS – BREVE MANUAL PRA DEPRENDER PRA SEÑORITO

Homenaxe a Manuel María

Como xa vos adiantara na entrada anterior, imos aproveitar que esta festa das letras galegas está adicada a Manuel María para aprender máis sobre el e a súa obra, e facer na nosa escola a homenaxe que este poeta chairego merece, pois é unha das figuras esenciais da nosa literatura.

Os amigos do club de lectura quedaremos a vindeira semana, o martes 10 de maio ás 12.15h, para comentar e recitar algúns poemas seleccionados de Manuel María. Antoloxía poética, que é a nosa lectura actual. Nesta ocasión quedaremos no vestíbulo, a carón do taboleiro de ENDL, para que esta experiencia estea aberta a toda a comunidade educativa. Estades todos convidados, aínda que non sexades membros habituais do club. Achegádevos!

Será unha xuntanza moi especial, pois estaremos acompañados por Saleta Goi, viúva do poeta, e que tivo a xenerosidade de atopar un oco na súa axenda para vir e compartir a mañá con nós.

Aprende con nós! 

Esta entrada podería ser tamén a nosa modesta homenaxe en liña a Manuel María. Que sabedes del? 

No taboleiro de ENDL do vestíbulo podedes ver unha exposición composta por dez cartaces para afondar no coñecemento do autor e da súa época. Pode ser útil visitala para coñecer aspectos do poeta que se cadra descoñecías. Sabías que publicou un poemario infantil, e que tamén escribiu teatro e ensaios? Que non puido publicar as súas obras en Galiza? Queres saber cal era o propósito de Manuel María?

Despois de teres visitado a exposición, cal foi a infomación que che resultou máis interesante?

Que máis coñecedes sobre Manuel María e que che gustaría compartir cos amigos que visitan o noso blogue? Tes algún poema favorito? Ou algunha ligazón que nos poida resultar interesante para aprendermos máis sobre el?

Participa e deixa o teu comentario nesta entrada.